Un total de vinte colectivos culturais, veciñais e deportivos de Redondela solicitan ao pleno do concello o cambio de denominación da céntrica rúa Alfonso XII que vai dende a praza de Ribadavia ata a praza da Constitución. Propoñen como nome alternativo o de rúa da Fraternidade e instan ao concello a retirar tamén o busto do monarca instalado na entrada da Casa Consistorial. A moción será debatida no pleno que se celebra o vindeiro martes 23 de xullo.
Argumentan os promotores da iniciativa que esta céntrica rúa de Redondela leva o nome do monarca dende o 25 de xuño de 1876 e que, malia terse dito que a rúa era en homenaxe ao rei que inaugurara o viaduto “hoxe sabemos que é falso, porque o viatuto inaugurouse con posterioridade a esa data, concretamente en agosto de 1877”
Engaden que a relación de Alfonxo XII con Redondela é inexistente e non hai razón que xustifique este nome nunha das rúa centrais da vila, do mesmo xeito que “non hai ningún motivo que xustifique o seu busto na entrada da Casa do Concello, busto que ademais é unha copia, xa que o orixinal está no Museo do Prado”.
Por todo isto solicitan que se cambie o nome deste vial e que pase a denominarse Rúa da Fraternidade. Entenden que este nome sería máis acaído tendo en conta que a rúa comeza nun punto no que conflúen camiños que veñen de Amoedo, Mos, O Porriño ou Vigo e é, polo tanto “un punto de encontro de persoas que veñen de distintos lugares e van cara o centro de Redondela”. É ademais unha rúa que recibe aos peregrinos e “tanto o valor relixioso como laico da palabra frater/irmán encaixa no recibimento que Redondela lles outorga como mostra de fraternidade”.
Conclúe a moción, que se debaterá no pleno deste mes de xullo, que a fraternidade representa uns valores éticos imprescindibles para a sociedade tanto na súa interpretación relixiosa como laica e republicana e que “ao tratarse dun nome xenérico evita as comparativas entre persoas que puidesen merecer o distintivo de ocupar unha rúa central de Redondela”.
Entre os colectivos asinantes atopamos Centros Culturais, Asociacións de veciños, entidades deportivas e asociacións culturais de todo o municipio.