O club de Kickboxing de Arcade remata a tempada coa chegada do verán acumulando 77 ouros nos distintos campionatos a nivel galego, nacional e internacional dende xaneiro a xullo deste ano. Un palmarés que os sitúa como o mellor club da comunidade, sendo o que máis medallas aporta á Selección Galega.
O último torneo no que participaron este ano foi no Campionato de España de Kickboxing de categorías base celebrado do 11 ao 14 de xullo no Palacio Multiusos de Guadalaxara, onde se deron cita máis de 1000 deportistas base de infantil, júnior e cadete. O club de Arcade aportou 14 deportistas á competición representando á Selección Galega e conseguiron levar á casa cinco ouros, tres pratas e seis bronces. O máximo galardón foi concretamente para Cael André Wan na categoría cadete (menos de 52 quilos) nas probas de Fighting e Light Contact, a redondelá María Bouzón da categoría júnior feminino (máis de 70 quilos) que acadou o ouro tamén tanto en Fighting como en Light Contact e Alex Cabaleiro Vidal vencedor na categoría cadete menor (menos 32 quilos) na proba de Point Fighting. O fundador e director deportivo do club, Manuel Álvarez, salienta que “María acaba de cumprir 16 anos e é nova nesta categoría, polo que consideramos todo un logro que vencera a rivais con máis experiencia”.
Destaca tamén a histórica participación no Campionato Galego de Kickboxing Tatami Sport Marín 2024, no que se desprazaron 36 competidores do club e acadaron 40 ouros, 20 pratas e 20 bronces. “Este resultado reafirma o noso crecemento e cada ano contamos con máis competidores, somos o club que máis participación ten dentro da selección galega e que máis medallas achega ao combinado autonómico”, sinala Álvarez.
En canto á categoría sénior, participaron con tres deportistas no nacional celebrado tamén en Gaudalaxara. Nesta ocasión acadaron dous ouros, unha prata e un bronce. O técnico apunta que Anxo Vidal, actual subcampión do mundo sénior de Light Contact e número ‘1’ do ránking mundial en Kick Light, “tivo unha lesión durante a proba desta última modalida que fixo que non puidera continuar e chagar á final despois de gañar catro eliminatorias seguidas, acadando finalmente unha prata cando realmente estaba gañando por puntos”. O que si conseguiu foi o título de campión de España en K1 Light na categoría sénior (57 quilos).
De cara ao outono comezan as competicións europeas das categorías base nas que levan participando moitos anos e nas que teñen como obxectivo levar ao podio o máximo de deportistas posibles.
En 2023 o club foi o primeiro na Liga Nacional e no Campionato de España por clubs e destacan o “orgullo e a implicación das familias no deporte” e agradecen axudas e subvencións aportadas polas insitucións,entre elas a do Concello de Soutomaior.
TRAXECTORIA COMPETIDORES KICK BOXING CLUB ARCADE – DE XANEIRO A XULLO 2024
1. CAMPIONATO GALEGO KICK BOXING TATAMI SPORT, MARIN – 36 competidores. Resultado: 40 OUROS, 20 PRATAS, 20 BRONCES.
2. CAMPIONATO GALEGO RING SPORT, 2 competidores, resultado: 1 OURO e 1 PRATA.
3. COPA MUNDIAL EN YOKOSO HOLANDA – ANXO VIDAL consegue 1 OURO e 1 PRATA.
4. CAMPIONATO GALEGO DE SAVATE FEDERACIÓN GALEGA DE BOXEO – 45 deportistas do club. Resultados: 14 OUROS, 6 PRATAS e 13 BRONCES. Conseguindo O PRIMEIRO POSTO do evento por clubs.
5. LIGA NACIONAL en TOLEDO, conseguindo O 3° posto por clubs a nivel nacional.
6. COPA DEPUTACIÓN PONTEVEDRA – 10 competidores. Resultados : 14 OUROS, 6 PRATAS e 3 BRONCES.
7. CAMPEONATO DE ESPAÑA SENIOR en Guadalaxara – 3 competidores do club. Resultados: 2 OUROS, 1 PRATA e 2 BRONCES.
8. CAMPIONATO DE ESPAÑA INFANTILES, CADETES E JUNIORS en Guadalaxara. Resultado: 5 OUROS, 3 PRATAS e 6 BRONCES.