A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os rexedores de Pazos de Borbén, Lucinano Otero e de Fornelos de Montes, Emiliano Lage asinaron un manifesto no que demandan á Deputación de Pontevedra que a reforma da estrada provincial que comunica Os Valos con Amoedo. Lembran o elevado volume de tráfico pesado que soporta “cun firme moi deteriorado, sen beiravías nin beirarrúas o que a converte nunha estrada moi perigosa”.
Os tres rexedores asinaron un manifesto no que demandan á Deputación de Pontevedra que acometa a reforma da estrada provincial EP-2702. Fixérono no transcurso da mobilización que unha vez máis levou aos veciños da zona a se manifestar ás 8:30 horas da mañá de hoxe para reivindicar esta actuación que levan anos reclamando.
“Por unha estrada segura” ou “Queremos vivir tranquilos” son algunhas das pancartas coas que os manifestantes reclaman que o organismo provincial leve adiante esta obra nunha estrada que comunica a N-550 desde Os Valos con Amoedo e que soporta un elevado volume de tráfico, con multitude de camións que se desprazan aos polígonos e áreas industriais.
Tanto a Plataforma veciñal como os alcaldes demandan que a Deputación Provincial de Pontevedra, responsable desta vía “se comprometa a arranxar a estrada na súa totalidade” xa que o convenio remitido dende o ente provincial ao Concello de Pazos non inclúe prazos. O proxecto da Deputación limítase a unha actuación de mellora nun treito de menos de 1.500 metros. Veciños e alcaldes das tres localidades consideran que a actuación é “insuficiente”, e reclaman o arranxo da totalidade da vía, cunha lonxitude en toda a vía, en torno aos 9 quilómetros.