A Asociación de veciños denuncia o ataque vandálico aos murais que decoran dende hai dous anos o antigo edificio da estación de Chapela. O graffiti máis afectado é unha intervención artística da redondelá Paula Amoedo que representaba unhas ás pintadas coas cores do arco da vella e que agora están pintadas de negro. Tamén apareceu pintado coa bandeira de España un puño que acompañaba á lenda “Chapela Orgullo”.
A acción dos vándalos foi obra dalgún individuo ou individuos nas últimas horas. De feito foron os integrantes da asociación de veciños, cuxa sede se atopa nas inmediacións, os que se decataron do acto vandálico e denunciaron o sucedido ao tempo que reclaman un maior control policial para evitar que este tipo de agresións se repitan.
Os murais, promovidos dende o propio Concello, foran obra da redondelá Paula Amoedo e o grupo Axentes do Cambio quen en xullo do ano 2022 realizaron esta intervención nun dos muros do antigo apeadeiro da parroquia, na Senda Verde de Chapela. Unha imaxe que amosaba o compromiso do grupo de participación da Infancia e Adolescencia de Redondela coa diversidade sexual e o respecto a todas as minorías, visibilizando neste caso ao colectivo LGTBIQ+.
Amoedo lamenta o acontecido e confía en que atopen aos autores dun acto que non ten explicación
As ás, que presentaban todas as cores do arco da vella e que supuñan un atractivo para veciños e visitantes que se fotografaban con elas, están agora tachadas con pintura negra.
Os vándalos estragaron tamén outra imaxe, un puño que presentaba cores diversas en cada un dos seu dedos e que agora tan só aparece pintado de vermello e amarelo, nun intento de representar a bandeira española.
Unha acción vandálica ou un ataque fascista a unha intervención que reivindica a diversidade e que se producía na véspera do 18 de xullo, data na que se lembra o golpe de Estado franquista contra o goberno da Segunda República Española.