A procesión por mar é un dos maiores atractivos da festa do Carme que dende hoxe e ata o domingo celebra a parroquia de Cesantes. A programación inclúe verbenas as tres xornadas na praia da Punta e a procesión marítima na tarde do sábado, cos saída de barcos dende a lonxa de Redondela mentres que os de maior calado chegarán dende Vigo. Ata alí poden desprazarse todos os que desexen participar con hora de embarque prevista para as tres da tarde.
Unha cita que terá lugar o sábado e que está moi pendente da situación meteorolóxica que parece se complica de cara a mañá. En todo caso, xa teñen todo organizado para unha saída que terá lugar ás 16:00 horas con barcos grandes que parten dende Vigo “ante a falta de calado en Cesantes”. Dende Redondela parten os barcos máis cativos e as embarcacións da propia comisión que logo se reúnen baixo a ponte de Rande onde terá lugar a ofrenda floral e a solta de pombas.
Mª Isabel Moreira “Beluca”, dendea comisión de festas cóntanos unha das novidades desta edición: a Virxe permanecerá na capela da praia da Punta ata o día 25 onde poderá ser visitada por todos os que o desexen xa que estará aberta e permanentemente vixiada por membros da comisión.
Ademais das actividades relixiosas a praia contará con verbenas diarias. Hoxe venres subirase ao escenario as orquestras “Oca Band” e “La banda de ayer”. O sábado a música correrá a cargo de Los Españoles e Assia e domingo pechará Pentágono e El Kubo.
Dende a comisión agradecen especialmente a colaboración da asociación de mariscadoras e a presidenta da confraría, Nisi Otero quen se ofreceron a decorar a lonxa con motivos mariñeiros -redes, cestos, ferramentas de apañar o marisco- para as celebracións deste sábado.
Unha comisión que se financia a través dos donativos da veciñanza, da publicidade dos establecementos comerciais e grazas tamén ao servizo de parking que funciona na praia de Cesantes dende o mes de abril e ata que remata a tempada de praias. Recoñecen que é unha axuda importante para poder contar con financiamento para a organización da festa pero tamén que precisan dun maior número de veciños e veciñas que colaboren “porque o aparcamento require de moito traballo e de xente disposta a xestionar o paso de vehículos”.