O Concello trasladou á Deputación de Pontevedra a necesidade de eliminar os estacionamentos na estrada provincial EP-2907 no tramo desde a curva da Canteira ata a estrada de Pazos, PO-250. Entenden que esta medida sería beneficiosa nesta zona na que o estreito da calzada e o aparcamento de vehículos na súa beira complica a circulación tanto de coches como de peóns.
Tal como explica o informe da Policía Local, as dimensións da rúa “non permiten o paso dun vehículo en cada sentido de circulación, o que ocasiona numerosos problemas de tráfico e situacións de perigo tanto para os condutores como para os peóns”. Desde o Concello de Redondela insisten en que a mellora da mobilidade e da seguridade neste tramo da estrada provincial pasa por eliminar estas prazas de estacionamento para poder ampliar a superficie na que circulan os vehículos.