O PP solicita a retirada da proposta presentada por vinte colectivos de Redondela e que se vai debater no pleno municipal que se celebra este martes ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira. Os populares entenden que “por respecto histórico” a rúa debe manter o seu nome actual e insisten en que non hai demanda social que apoie un cambio que, pola contra, provocará problemas administrativos. Por outra banda o Obradoiro de estudos locais Fernando Monroy desvincúlase da petición que asinan colectivos culturais como Alén Nós, Sinha Paca ou Artelixo entre outros.
Os populares lamentan a “irresponsabilidade” do goberno local por tratar de impoñer por “capricho” a denominación de rúa da Fraternidade sen contar cos veciños e din que nunca houbo polémica coa nomenclatura actual e que os redondeláns séntense identificados con ela. Critican dende o PP que se opte por este cambio sen informes técnicos de especialistas en historia e no rueiro e que a única base da proposta sexa “a ideoloxía particular dalgúns directivos de asociacións e clubs locais cuxos socios non foron consultados”.
Adiantan que van solicitar no pleno de mañá que se retire da orde do día a proposta do goberno local de cambiar o histórico nome da rúa Alfonso XII polo de rúa da Fraternidade amparándose “na necesidade de manter respecto histórico e social pola denominación urbana máis antiga da vila, ante a inexistente e nula demanda cidadá para esta modificación e polos diversos problemas administrativos que sufrirían os seus veciños”.
Acusan ao executivo de Digna Rivas de “absoluta irresponsabilidade” por tratar de impoñer por “capricho” a revogación da actual denominación e que ademais se faga de costas aos veciños, sen ningunha sondaxe nin consulta popular, e lembran que na historia do municipio nunca houbo ningunha polémica coa nomenclatura actual “que se mantén desde hai 150 anos durante os cales ostentaron o poder municipal distintos gobernos con diferentes ideoloxías e lexitimidades”.
Neste senso, apostilaron que a rúa Alfonso XII é posiblemente a única do casco urbano de Redondela que conserva o seu nome orixinal desde que xurdira na Restauración e que permaneceu durante a Rexencia de María Cristina, o reinado de Alfonso XIII, a II República, a ditadura de Franco e máis de 45 anos do período democrático contemporáneo.
Obradoiro de Estudos Locais
O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy desvincúlase da petición de cambiar o nome da rúa Alfonso XII por entender que esta modificación non está xustificada. Argumentan que “sobre o cambio de nome dunha rúa do casco urbano deberán pronunciarse as asociacións do mesmo, e que estas deberían apoiarse en facer partícipe á poboación cun acto de recollida de sinaturas para deste xeito velar amparo da maior masa social posible”.
Respecto dos argumentos que defenden os colectivos que si apoian o cambio por rúa de Fraternidade atendendo a que o nome de Alfonso XII púsoxelle a esta rúa no ano 1876 “por motivos que nada teñen que ver con Redondela e si a unha campaña política de lexitimación da monarquía tras acaída da República dous anos antes”, apunta o obradoiro que “non nos compete valorar unha forma de goberno que se deu no século XIX, outra cousa sería discutir nomes de rúas que tiveran orixe nun golpe de estado ou ditadura militar, en canto que estes levan parellos situación que denigran a convivencia e a condición humana”.