O paseo marítimo de Chapela acolle este 25 de xullo unha das citas máis salientables da programación do verán do Concello de Redondela: o concerto de Sés a partir das 22:00 horas. Unha actividade enmarcada dentro das propostas organizadas co gallo da conmemoración do Día da Patria Galega. Na tarde do 24 terá lugar o acto institucional ás 20:00 horas na Alameda Castelao e ás dez da noite o concerto do grupo Airiños da Peneda e a banda Artística de Arcade no Campo da Feira. Tamén o mércores o grupo Cantatorrella ofrecerá un concerto no Brisa en Cesantes ás 21:00 horas.
O Día grande de Galicia vivirase en Chapela a ritmo de María Xosé Silvar, Sés quen ofrecerá un concerto no paseo marítimo desta parroquia a partir das 22:00 horas. Un repertorio cargado de forza do que se poderá gozar de balde dos temas do seu oitavo e último traballo discográfico, “Diante un eco”, unha volta aos inicios así como unha reafirmación da estética popular da que a artista se sente debedora.
Mañá mércores, véspera do Día de Galicia, na Alameda Castealo terá lugar o tradicional acto institucional sobre as oito da tarde e, dúas horas despois, o campo da feira acollerá os concertos de Airiños da Peneda e a Banda Artística de Arcade.
Cantatorrella
A formación redondelá actúa este mércores ás 21:00 horas nun concerto que terá lugar no Brisa Chiringo da praia da Punta en Cesantes.