O presidente da deputación, Luis López destaca esta cita musical como exemplo de sustentabilidade na oferta turística das Rías Baixas. O SinSal, integrado na marca Rías Baixas Fest, terá lugar entre os días 26 e 28 de xullo con concertos e diversas actividades culturais e de ocio.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca o festival SinSal, englobado na marca Rías Baixas Fest que patrocina o organismo provincial, como un exemplo de sustentabilidade e unha das grandes fortalezas da oferta turística e cultural da provincia ao conxugar, en tres días e nun espazo natural incomparable como a illa de San Simón, concertos de músicos de prestixio nacional e internacional, así como unha variada oferta gastronómica coa sinatura de cociñeiros e restaurantes locais.
O mandatario provincial, acompañado pola deputada Sandra Bastos e membros da organización do festival SinSal, realizou este martes un percorrido pola illa redondelá que serviu para coñecer as distintas ubicacións nas que terán lugar as variadas actividades do programa dun festival que terá lugar entre os días 26 e 28 de xullo e no que, como cada ano, os asistentes non coñecerán o cartel ata desembarcar na illa. Este evento, referencia de sustentabilidade ao ser distinguido no 2019 e 2023 como o festival máis sostible de España nos premios FEST, supón moito máis que tres días de concertos e actividades lúdicas e culturais. Supón unha fonte de riqueza e emprego na contorna da ría de Vigo, un recurso de referencia para captar visitantes e que contribúe a posicionar á provincia no mapa das grandes producións musicais a nivel nacional e internacional.