“Xenocidio” e “ocupación ilegal” foron algúns dos termos máis escoitados no debate de onte no transcurso da moción presentada polo Colectivo pro palestino de Redondela e aprobada cos votos a a favor de PSOE, BNG e AER e a abstención do PP nunha sesión que arrancou media hora tarde debido a problemas técnicos. Un pleno no que se acordou tamén a posta en marcha dunha comisión que se encargará de realizar os trámites de cara a rectificar os lindes entre Redondela e Mos na parroquia de Vilar. Non houbo tempo para abordar un tema que se prevía polémico: o cambio de nome da rúa Alfonso XII por rúa da Fraternidade.
A extensa moción presentada polo colectivo Propalestino de Redondela reclama, entre outras cuestións o alto fogo inmediato e definitivo dos ataque de Israel contra o pobo palestino e o fin das torturas e detencións arbitrarias así como esixir a apertura sen condicións de todos os pasos de Gaza para garantir o acceso da poboación Gazatí as necesidades básicas para a vida. Reclama tamén a devolución dos territorios ocupados así como a retirada dos asentamentos declarados ilegais pola ONU e facilitar o retorno dos palestinos desprazados.
Unha moción que pon de manifesto o padecemento dunha poboación que é vítima da destrución e a masacre “consecuencia dun goberno sionista que ataca reiteradamente aos palestinos que residen en Gaza, un territorio a día de hoxe inhabitable”.
A moción, presentada conxuntamente por PSOE, BNG e AER contou co apoio dos concelleiros das tres forzas progresistas. Así dende AER salientaba o edil Roberto Villar que “ estamos asistindo a un xenocidio e temos que condenar ao estado de Israel por estes feitos”, os países demócratas temos o deber de acabar con esta situación.
O nacionalista Xoan Carlos González insistía en que “estamos asistindo a unha auténtica masacre de civís por parte dun dos exércitos máis sofisticados do mundo que actúan cunha política de terra queimada” e lembrou que o “sionismo é unha forma máis de fascismo”.
Dende o PSOE, Iria Vilaboa tamén facía referencia ao “xenocidio produto das prácticas que o goberno de Israel está a desenvolver dende hai décadas” e lembrou os preto de 40.000 palestinos mortos nos últimos nove meses.
Pola súa banda, os populares optaron pola abstención e amosáronse máis mornos na súa condena argumentado que “vítimas son todas e de todos os conflitos” propuxeron tamén que ademais da bandeira de Palestina que permanecerá na casa do Concello ata que non rematen as accións militares contra a poboación de Gaza se colocara a bandeira da paz.
Unhas formacións políticas que tamén quixeron poñer en valor as mobilizacións que todos os luns teñen lugar ás portas do concello, con concentracións que continúan semana tras semana para esixir o fin da guerra.