A moción presentada polo PP contou co apoio de PSOE e BNG e a abstención de AER quen argumentou o seu voto por tratarse dunha moción que non é de competencia municipal. A concelleira Cristina Blanco defendeu no pleno a necesidade de desenvolver campañas de sensibilización, asesoramento para axudas e reivindicacións normativas a prol dos afectados e as súas familias.
O grupo municipal do PP de Redondela impulsou o acordo de apoio do Concello ás persoas que padecen Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) coa aprobación dunha moción no pleno na que se recollen diversas medidas para impulsar o seu coidado e benestar e na que se insta a todas as administracións á aprobación de leis nesta materia. A concelleira Cristina Blanco defendeu esta proposta asegurando que a institución local debe implicarse na atención dunha enfermidade da que se detectan cada ano 30 novos casos en Galicia e que recolle, entre outras medidas, o apoio e o desenvolvemento de campañas de sensibilización por parte do Concello, a colaboración con asociacións como AGAELA, o establecemento de accións de asesoramento municipal para a petición de axudas e a reivindicación desde o Concello para a aprobación de leis a prol destas persoas.
Así mesmo, e máis alá da acción municipal directa, a moción popular aprobada en Redondela tamén pretende dirixirse ao Goberno de España para que inclúa melloras na lexislación tendentes a garantir o coidado das persoas con esta patoloxía e, paralelamente, á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra para que fagan os máximos esforzos en materia sociosanitaria fronte á ELA.
Dende o PSOE Pilar Martínez amosaba o seu apoio a esta proposta pero tamén poñía sobre a mesa a necesidade de que se reduzan as listas de agarda e se mellore a atención primaria para que os pacientes sexan atendidos o máis rápido posible e que se destine a estas a outras doenzas desta gravidade os recursos necesarios para a súa atención. No mesmo sentido era a intervención do BNG quen insistía en que as competencias sanitarias están en mas do goberno estatal e galego e que son esas administracións as que deben das os pasos necesarios para atender aos afectados por ELA.