O Campito Chapela, en colaboración co Concello de Redondela e o equipo de afeccionados Cachorros FC, celebraron a segunda edición do Torneo Vila do Berete que tivo lugar no Pavillón Municipal Manuel González Soto do 25 ao 28 de xullo . En total participaron 28 equipos, 16 sénior e 12 da base. A pesar da vaga de calor que azoutou a semana pasada toda a contorna, as gradas estaban case cheas e pódese constatar que repetiron o éxito do ano pasado.
Dende a directiva agradecen a participación e cualifican de “magnífica a segunda edición de Vila do Berete”. Destacan tamén que “todos os cartos das inscricións foron destinados aos premios do torneo”, chegando a gañar 850 euros o equipo gañador da categoría sénior que foi Bullo Mediación.
Este ano incluíron dúas novidades coa intención de mellorar e facer crecer este torneo con espírito familiar e que xira en torno ao deporte e a amizade. Por un lado, engadiron unha fase de consolación co obxectivo, explican dende o Campito, “de recompensar o esforzo e espírito dos equipos conformados por xogadores afeccionados, xa que enfróntanse moitas veces a equipos que contan con xogadores de segunda división e isto tamén ten que ter o seu recoñecemento”. Nesta fase o primeiro clasificado foi o Ría de Vigo FS e o segundo Ay Lupita de Redondela.
Por outro lado, o festivo do día 25 organizaron enfrontamentos entre a base das categorías mixta benxamín, alevín e cadete que foron os encargados de dar “o pase de saída ao torneo”. Os gañadores da categoría cadete eran da casa, do Campito FS, e o segundo clasificado foi o equipo vigués Fíos Vigo.
Ao remate deste torneo xa están pensando en preparar o da base. Este ano o Torneo Beretiño celébrase do 2 ao 5 de xaneiro e está consolidado como un dos eventos de maior éxito entre a rapazada.
Clasificación final do torneo:
1º Clasificado categoría sénior: Bullo Mediación (Sarria, Padron e Vigo)
2º Clasificado en categoría sénior: Águilas (Vigo)
3º Clasificado categoría sénior: Beretinhos de Chapela
Mellor xogador categoría sénior: @jonatanesmeralda
Mellor gardameta categoría sénior: @jorgecamocha
1º Clasificado fase de consolación: Ría de Vigo FS
2º Clasificado fase consolación: Ay Lupita (Redondela)
1º Clasificado categoría cadete: @campitofs
2º Clasificado categoría cadete: Fíos Vigo
1º Clasificado categoría benxamín: @campitofs
2º Clasificado categoría benxamín: Cucas Jr de Vigo