Os dous deportistas, de 19 e 15 anos, respectivamente, acadaron esta temporada grandes éxitos a nivel autonómico e estatal. Onte recibiron o diploma “Orgullo redondelán” e a insignia do Concello de mans da alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Iván Valles, como “recoñecemento e homenaxe” polo seu traballo e méritos deportivos.
Para a alcaldesa é “un luxo” que este municipio conte con deportistas “ao máis alto nivel do atletismo galego” e auguroulles moitos éxitos no futuro tanto a Nerea como a Gael.
Nerea Lago, na categoría Sub20, é subcampioa galega absoluta en pista cuberta na modalidade de probas combinadas e subcampioa Sub20 en probas combinadas e lanzamento de peso. En Pista ao aire libre é subcampioa galega absoluta en combinadas,e subcampioa galega sub20 en altura e campioa galega en triplo salto.
Gael Couñago é récord galego sub16 salto de altura coa marca persoal 1,86 m. rachando co anterior récord que no se batera desde 1975. Malia a súa xuventude en pista cuberta é subcampión galego absoluto en altura e campión galego sub18. En Pista ao aire libre é tamén subcampión galego absoluto en salto de altura e campión galego sub18. Acadou tamén o 8º posto no Campionato de España sub18 salto de altura. Participou tamén coa Sociedad Gimnástica de Pontevedra nos campionatos galegos de clubs absoluto e sub18, quedando campións.