Forestalis, reforestación en O Coto da Aguia (Redondela)
Cruz Vermella Redondela atendeu a 1112 persoas no 2023 e dende que abriu a súa delegación en 2019 conseguiron aumentar e personalizar a atención social. Desenvolve distintos programas de intervención social, cooperación internacional, formación, saúde, medio ambiente, voluntariado e emerxencias.
Diana Freire, técnica traballadora en Cruz Vermella Redondela explica que dende a apertura desta delegación propia para Redondela “poden coñecer mellor o seu traballo e facelo de forma máis próxima e específica sabendo as necesidades da contorna”. Prestaron atención a través dos Proxectos Saúde Constante, Enrédate e Atención a persoas con Funcións Cognitivas e Deterioradas a 143 persoas maiores en persoa e 198 dende a Teleasitencia. Tamén ofrecen atención integral a persoas inmigrantes con clases de español, talleres de orientación e información cos que puideron atender a 51 persoas de distintos países como Marrocos, Ucraína, Ecuador, Venezuela ou Arxentina.
“O motor de Cruz Vermella é o voluntariado”, explica Diana, porque suman ao traballo das dúas técnicas contratadas nesta delegación e son “imprescindibles para poder chegar a máis xente”. O equipo de voluntarias e voluntarios vai variando segundo a dispoñibilidade das persoas e predomina un perfil de xente nova. O ano pasado contaron con 35 persoas que desinteresadamente achegábanse ás instalacións para axudar nas distintas actividades.
Hai un proceso para incorporarse no voluntariado, que inclúe unha inscrición a través da páxina web e unha entrevista persoal para coñecer de preto que busca cada persoa ou que poden ofrecer, sempre “atendendo tamén aos intereses das persoas que se incorporan como voluntarias”, puntualiza Diana. Por suposto, antes de cada actividade reciben a formación específica que sexa necesaria.
Cruz Vermella de Redondela adapta as súas actividades á época estival coa planificación dunha serie de talleres especiais dirixidos aos diferentes colectivos cos que traballa durante todo o ano, e que xa está en marcha coa posibilidade de apuntarte aínda ao programa de agosto. Desde a área de Cruz Vermella Xuventude realizan actividades de sensibilización en centros educativos sobre diferents temáticas (saúde, acoso esolar, etc), na que o ano pasado participaron 279 persoas. Concretamente desenvolven dous proxectos de carácter semanal: “Ludovermellas”, actividade cos menores de primaria, e PINEO que consiste en talleres lúdico-educativos cos menores de secundaria nos que realizan actividades de educación ambiental, xogos populares, manualidades e visitas. Concretamente, seguen unha liña dinámica na que destacan a actividade de reforestación, feita entre Cedeira – Trasmañó en colaboración coa Comunidade de Montes, na que participaron as familias e foi todo un éxito.
No ano 2023 na area de inclusión social atenderon a 143 persas e nas actividades de Cruz Vermella Xuventude, na que realizan actividades de sensibilización en centros educativos sobre diferentes temáticas, participaron 63 menores no programa de Promoción do Éxito e 23 no programa PINEO de ocio e tempo Libre para rapaces de secundaria. Animan á xente interesada en poñerse en contacto a través do enderezo redondela@cruzroja.es para participar no voluntariado, motor imprescindible para desenvolver o seu traballo co obxectivo de crear unha sociedade máis xusta e solidaria.