O primeiro equipo da S.D. Pazos de Borben F.S. comezou este luns os adestramentos para preparar unha esixente e complicada tempada 2024/2025 . O equipo volve estar dirixido por segundo ano por Alberto Matilla , quen axudado por Antonio Cernadas intentarán mellorar o noveno posto alcanzado o ano pasado en Terceira División Nacional.
O proxecto ten unha liña de continuidade, pero implantará algúns cambios na plantilla de xogadores. Danse de baixa Joni Costas, Sandro Amoedo, Sergio Míguez e Yago Bugarín. Haberá novas incorporacións, coa chegada do á Manu Prado (IES Coruxo) o gardametas Xairo Quintela (CD Beade FS) e a volta ao primeiro equipo de Eloy Boullosa, tras un descanso da filial vermella por motivos laborais. A gran incorporación é a volta de Jacobo Amoedo, xa recuperado das lesións que o lastraron e apartaron da pista.
Durante a pretempada, os de Matilla disputarán partidos amigables ante o Beiramar Gondomar, Poio Pescamar e o Vigo 2015 xuvenil de División de Honra para comezar a competición oficial o sábado 31 de agosto co partido da Copa Galicia ante o Baíña FS en Baiona.
Dende o corpo técnico e a dirección deportiva aseguran que “se configurou un plantel longo e de calidade para competir en terceira división”. A tempada dará comezo o sábado 14 de setembro e apunta novamente a ser “unha competición complicada con equipos de moito nivel” .