Javier Bas do PP de Redondela lamenta que o edil independente Roberto Villar “teña a lei do embude” por queixarse de que os socialistas deixen de lado os 35 puntos do seu acordo “cando este mandato arrancou de xeito nefasto pola súa exclusiva responsabilidade ao mentirlle aos veciños”. Segundo o voceiro popular “AER non pode queixarse do pacto co PSOE porque o primeiro incumprimento do mandato fixérono eles, xa que dixeron que nunca darían a Alcaldía a Digna Rivas”.
O concelleiro popular adiántalle a AER que o PSOE “vai seguir incumprindo co pacto”, xa que os independentes acaban de descubrir que non é unha prioridade para os socialistas: “Son uns lumbreras, o único que lle interesaba a Digna Rivas era repetir no cargo”
“É inaudito e lamentable escoitar a AER laiarse do incumprimento do pacto de goberno que asinou co PSOE para este mandato, porque hai que lembrarlle aos redondeláns que o primeiro incumprimento deste mandato, e que motivou que este período comezara cunha gran mentira, fixérono desde esta formación independente, xa que dixeron que nunca darían a Alcaldía a Digna Rivas, incluso se, como consecuencia, tiña que haber un goberno popular en minoría, así que xa sabemos o que vale a súa palabra: nada”. Deste xeito, o voceiro municipal do PP, Javier Bas, reaccionou á valoración de AER sobre o triste balance deste primeiro ano de mandato municipal.
Para o voceiro popular, a presenza de AER na política local do concello supón, incluso por riba da moi mala xestión da alcaldesa, “a chegada do período máis triste e escuro da vida municipal de Redondela porque os 30.000 veciños estamos en mans dun partido pírrico e moi minoritario que pertence a outro tempo, xurdido da man daquel 15-M cuxo espírito traizoan a cambio converterse en profesionais da política cun soldo, que foi algo que sempre criticaron, e que desenvolve unha política de tasca que, afortunadamente, está en extinción, que é algo que eles mesmos tamén saben, polo que queremos pedirlle dignidade e decencia na súa ansiada despedida”.