Co gallo de afondar e espallar o coñecemento en torno á figura da escritora, activistas e feminista galega, nacida en Soutomaior o 14 de agosto de 1875, o Castelo da localidade acolle este mércores dúas actividades orientadas a público familiar: unha scape room e a representación teatral “María Vinyals. Unha vida de loita”. A concellería de cultura traballa xa en diferentes iniciativas de cara ao vindeiro ano cando se conmemore o 150 aniversario do nacemento de Vinyals. Entre as accións previstas estaría a emisión dun selo coa súa imaxe.
“María Vinyals” será a protagonista do próximo desafío Eureka Reto Rural no lugar que a viu nacer, o Castelo de Soutomaior e na data na que estaría de aniversario. Unha forma orixinal de achegarse á súa historia mentres se van superando retos, nunha cita de balde e para tódolos públicos. Aqueles que se animen a participar, poderán aprender o mércores 14 de xullo un pouco máis sobre a figura desta escritora e precursora, entre outras, do feminismo en Galicia.
O escape room dará comezo ás 11.00 h e partirá do Castelo de Soutomaior, onde os xogadores e xogadoras poderán superarse nunha cita circular e fácil. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse de forma intividual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.A pesar de ser unha actividade para tódalas idades, os menores de 12 anos deberán acudir acompañados dunha persoa adulta. E, para aquelas persoas que non poidan desfrutar desta ruta o propio día 14, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.
O equipo ganador do escape room de Soutomaior poderá desfrutar dunha visita guiada a unha bodega do Rosal, cunha cata de diferentes viños e tapas galegas. Pola súa parte, o Concello sorteará entre os participantes tres cestas de produtos locais, entre os que se inclúe unha botella de Albariño de Soutomaior. E, para celebrar este evento, agasallará a todas aquelas persoas que participen con libreta e lapis coa imaxe de María Vinyals.
Xa pola tarde, ás 19:00 horas terá lugar a representación da obra “María Vinyals. Unha vida de loita”.
A Concellería de cultura e turismo traballa xa de cara acelebración do 150 aniversario do nacemento de Vinyals que se conmemorará o vindeiro ano. Unha data moi redonda que merece dunha programación especial na que teñen previsto incluir a emisión dun selo conmemorativo por parte de Correos. A solicitude do mesmo xa lle foi trasladada á Comisión Filatélica do Estado.