O Concello organiza catro citas esta semana nas que xa está aberto o prazo de inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal. Enmarcadas dentro da programación de Roteiros ambientais hai previstas catro saídas: unha ruta guiada polo río Fondón en Chapela, unha xornada xogos de orientación para a rapazada na praia da Punta, a visita nocturna ao litoral de Cesantes e unha actividade de observación nocturna da Ría de Vigo desde o Viso.
As actividades, organizadas polas concellerías de Turismo, Medio Ambiente e Sostibilidade,
son gratuítas. A primeira das propostas desenvolverase o festivo do xoves, día 15 cunha ruta ambiental polo río Fondón. Os amantes da natureza poderán gozar do patrimonio natural e etnográfico do río e a súa contorna cun roteiro que arrancará ás 10:00 horas e rematará a unha do mediodía.
O venres 16 de agosto a cita está pensada para os máis pequenos, unha actividade de orientaventura na praia de Cesantes con xogos de orientación e de aventuras dirixidos a rapazada de entre 7 e 16 anos. A actividade terá lugar entre as 18.30 a 20.30 horas.
Xa na fin de semana o sábado celebrarase unha ruta nocturna na Punta de Cesantes. Os visitantes poderán coñecer a riqueza natural do areal e a enseada de San Simón desde unha óptica diferente, cando o sol se agocha xa que se desenvolverá en horario de 21.00 a 23.15 horas.
A semana remata o domingo 18 de agosto cunha cita de observación panorámica nocturna desde o Viso. Esta actividade é unha das novidades da programación deste verán. Os participantes poderán gozar das vistas panorámicas que ofrece o Miradoiro de Outeiro Grande sobre a Ría de Vigo. Unha actividade que contará coas explicacións do guía para unha observación natural e xeográfica óptima. O punto de encontro será no propio Miradoiro de Outeiro Grande, e a actividade será de 21.00 a 22.30 horas.
A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, destaca a “transversalidade” destes roteiros “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade,
Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos
naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da
importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.