A parroquia redondelá celebra os días 14, 15 e 16 de agosto as súas festas na honra de Santa María, tres días de celebracións que volven apostar polas orquestras e as verbenas para atraer o favor do público. Os tradicionais actos relixiosos e as procesión centra o resto do programa.
O grupo América regresa a Redondela. Será este venres cunha actuación enmarcada dentro da programación das Festas de Reboreda onde fará as delicias dos seguidores dunha orquestra que amosa un repertorio máis roqueiro en comparación co resto das orquestras de moda, máis centradas nos ritmos latinos.
Será o encargado de pechar as tres xornadas de festas que arrancan este mércores en Reboreda. Logo da pasada edición, onde un grupo de veciños asumiu a organización das festas cun programa afastado do habitual, a nova comisión decidiu retomar a programación de anos previos con actos relixiosos e verbenas nocturnas. O mércores a música correrá a cargo do grupo 3.com e a orquestra Pontevedra. O xoves 15, festivo e día grande, haberá misa ás doce do mediodía cantada pola coral da sociedade labrego cultural e procesión coa Banda de música da Unión de Guláns e música nocturna a partir das dez da noite con Gran Parada e La Florida.
O venres, día de San Roque, a misa estará cantada pola coral da Sociedade Labrego Cultural e será a banda de gaitas de Paramos quen acompañará a procesión.
A verbena estará amenizada por Galilea e América de Vigo.