A segunda parte da senda arrancará nas inmediacións do novo skatepark e unirá os dous tramos do Camiño Real Angorén que na actualidade están separados pola vía. O novo tramo abarca unha superficie de 2.300 metros cadrados. A actuación, que se licitará a finais de setembro, ten un orzamento de 315.553,86 euros e un prazo de execución de seis meses.
A senda verde de Chapela, que actualmente vai dende o antigo apeadeiro da parroquia ata o límite con Vigo, está formada por un sendeiro de 1’6 kilómetros que discorre polo antigo trazado ferroviario. Unha senda usada por peóns e ciclistas que é percorrida por moitos usuarios que verán agora incrementada este traxecto que se prolongará cara Redondela coa recuperación dun novo tramo.
Esta segunda fase licitarase a finais do mes de setembro. A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e recupera unha superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato hai case tres anos, e que é moi transitada pola veciñanza”.
Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase “contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía”. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.
O deseño será similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas perimetrais crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zona de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. O proxecto ten un orzamento de 315.553,86 euros e un prazo de execución de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.
Novos espazos públicos en Chapela
Este novo proxecto, que será unha realidade en 2025, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. Anexo a esta senda construíse o Skatepark, un recinto moi demandado pola mocidade que está en funcionamento desde decembro do ano pasado. Esta pista de deportes urbanos, valorada como unha das mellores da área metropolitana, supuxo un investimento de 357.894 euros. Tamén en novembro do pasado ano se remodelou o espazo do Campito, cunhas obras de mellora que supuxeron un investimento de 287.507 euros.