Redondela prepárase para a súa gran cita do verán: a celebración do 25 aniversario dun evento que pouco a pouco foi collendo sona e que a día de hoxe congrega a milleiros de persoas chegadas de toda a xeografía galega. Nesta edición a estrela do evento será o arxentino Coti e regresa tamén Javi Maneiro, vocalista de Herdeiros da Crus quen hai dous anos actuou neste evento con fortes dores de cabeza e sen saber que acababa de sufrir a rotura dun vaso sanguíeno que o levaría a pasar pola UCI.
Completamente recuperado regresa ao noso concello feliz de poder subirse ao escenario “para celebrar a vida e a alegría”.
A programación do XXV Entroido de Verán contará tamén coas actuacións de Uxía Lambona e os picadiscos locais Rodri Vegas, Carlos González e Borja Rúa xunto co porriñés Samu Peixe. O prato forte da xornada, que se celebra o 24 de agosto, será o concerto do arxentino Coti quen actuará pasada a medianoite no Campo da Feira. O músico arxentino, coñecido por temas como «Antes que ver el sol», «Nada fue un error» o «Otra vez» anima tamén a achegarse a esta cita que supón o seu regreso a Galicia.
As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20:00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 comezará a xa tradicional Gala Drag. A bailarina e coreógrafa Hurakan Bastida será a presentadora deste evento que repartirá 1.800 euros en premios.
Finalizada a gala comezarán os concertos e o primeiro en subir ao escenario ás 23:00 horas será Javi Maneiro, artista e vocalista de grupos como Heredeiros da Crus ou Jabón Blue, que fará vibrar ao público co seu rock. Ás 0:30 horas será a quenda de Coti. Os Djs Samu Peixe e Rodri Veigas serán os encargados de pechar a festa cunha sesión que comezará ás 02.15 e rematará ás 04:00 horas.
A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán as actividades para público infantil e familiar, onde se instalarán inchables con auga desde as 18.00 horas ata as 21.00 horas. Na praza de Ponteareas haberá ademais unha xincana con inchables. Nestes mesmos recintos celebraranse festas da escuma ás 21:30 horas. Na Praza da Casa da Torre, ás 20:30 horas, terá lugar o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona.
Consumo sostible
Como novidade, este ano todos os postos de venda de bebidas utilizarán vasos reutilizables co obxectivo de eliminar os envases de plástico dun só uso. Os vasos reutilizables serán de balde, ou mediante o depósito e posterior devolución da cantidade abonada. Todos os postos de venda de bebidas nas rúas do centro da vila (Alfonso XII, Xeneral Rubín, Ribeira, Praza José Figueroa, Praza da Constitución, etc.) abrirán os aseos dos seus locais para o uso do público en xeral, ou ben instalarán un baño químico portátil.
Como en anos anteriores as empresas de transporte público ofrecen liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta até as 06.00 horas.