Veciños da parroquia alertan da perigosidade da curva da N-550 na que o luns faleceron os dous ocupantes dunha motocicleta, África Pérez e Alejandro González, tras colidir contra un turismo e un camión do lixo que circulaba en dirección contraria na coñecida como curva da Pantalla. Dende o concello apoian as reivindicacións veciñais “porque a seguridade para este goberno local é o primeiro”.
Mentres continúan as investigación da Garda Civil de tráfico para tratar de averiguar as causas do sinistro, os veciños da zona lembran que levan anos alertando do perigo desta curva e solicitando que se adopten medidas de seguridade nun tramo que supón un risco para os condutores pero tamén para os propios peóns que teñen moi complicado cruzar a vía.
Lembran os sinistro acontecidos nos últimos anos e confían que este tráxico accidente serva para que Demarcación de Estradas adopte medidas como por exemplo que se interveña para reducir a velocidade xa que, malia estar limitada a 90kilómetros hora e existir ademais unha sinal azul que recomenda que se reduza a 70, aseguran que son moitos os que pasan pola vía a unha velocidade maior. Critican o estado do firme, con varias fochancas e unha fenda no carril, e que non haxa unha sinalización que advirta que se trata dunha zona de concentración de accidentes.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o Concello está en contacto permanente coa Delegación do Goberno en Galicia para trasladarlle as necesidades das vías dependentes da Demarcación de Estradas do Estado, do mesmo xeito que se fai coa Xunta de Galicia ou coa Deputación nas estradas que son de titularidade autonómica ou provincial. Respecto á limitación da velocidade na curva da N-550 de Cesantes sinala que “deben ser os técnicos os que valoren as actuacións necesarias na estrada”. Rivas advirte tamén da importancia de que os condutores “respecten a velocidade máxima permitida así como todas as normas de circulación”.
En canto ao accidente que lle custou a vida a dous mozos nesta estrada o pasado luns, advirte que haberá que esperar ao resultado da investigación da Garda Civil de Tráfico para esclarecer as causas do sinistro.