O Entroido de Verán celébrase este sábado e espérase a chegada de milleiros de persoas que ateigarán as rúas da vila nunha celebración que chega xa a súa XXV edición. O tráfico permanecerá pechado á circulación a partir das doce do mediodía do sábado nas rúas Alfonso XII, rúa Ribeira e Xeneral Rubín. Habilitaranse puntos violetas para unha festa libre de violencia machista que contará co concerto do músico arxentino Coti como actuación estelar.
As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20:00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 comezará a xa tradicional Gala Drag. A bailarina e coreógrafa Hurakan Bastida será a presentadora deste evento que repartirá 1.800 euros en premios.
Finalizada a gala comezarán os concertos. O primeiro en subir ao escenario ás 23:00 horas será Javi Maneiro, artista e vocalista de grupos como Heredeiros da Crus. Ás 0:30 horas será a quenda de Coti. Os Djs Samu Peixe e Rodri Veigas serán os encargados de pechar a festa cunha sesión que comezará ás 02.15 e rematará ás 04:00 horas.
A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán as actividades para público infantil e familiar, onde se instalarán inchables con auga desde as 18.00 horas ata as 21.00 horas. Na praza de Ponteareas haberá ademais unha xincana con inchables. Nestes mesmos recintos celebraranse festas da escuma ás 21:30 horas. Na Praza da Casa da Torre, ás 20:30 horas, terá lugar o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, que porán a cantar e bailar a grandes e pequenos.
Puntos violeta
O Concello, en colaboración cos locais de ocio nocturno, velará porque a multitudinaria festa deste sábado estea libre de violencias machistas. Habilitaranse Puntos Violeta e Arco da Vella co obxecto de sensibilizar sobre a importancia e o respecto así como atender a posibles vítimas de agresións sexistas.
Unha iniciativa enmarcada dentro da campaña “Espazo libre de violencias machistas” para o Entroido de Verán en colaboración cos hostaleiros dos locais de ocio nocturno. No caso do Entroido de Verán que se celebra este sábado, e ante a presenza masiva de público, haberá unha campaña especial na que colaboran todos os locais de ocio nocturno e tamén os hostaleiros que instalan barras nas rúas e no recinto da festa. Haberá un Punto Violeta e Arco da Vella no Hospital de Campaña instalado na Praza do Concello e un Punto Itinerante con Axentes de Igualdade percorrendo os espazos da festa. Estarán operativos durante todo o tempo que duren as actividades do Entroido.
Unha resposta
E non se dí nada do operativo de seguridade, máis alá do corte de rúas? Penso que coa de xente que chega a Redondela sería o mais importante, e agradecer a labor dos voluntarios de Protección Civil.
Vai facer investigación periodística RadioRedondela referente a se os baños portátiles postos chegan para a xente que virá?