O IES Pedro Floriani retoma a súa actividade lectiva o vindeiro 11 de setembro coas clases de ESO, Bacherelato e tamén de Educación de Adultos, unha formación pensada para os maiores de 18 anos de idade que non contan co certificado de estudos obrigatorios e que queren acceder a este título. A inscrición está aberta a partir do 2 de setembro.
A Xefa de Estudos deste centro redondelán, Belén González Amoedo, anima a xente de todas as idades a matricularse na ESA, “por tratarse dunha titulación básica é imprescindible para acceder ao mundo laboral, mellorar a empregabilidade e o salario e tamén para seguir a formación académica en Bacharelato ou Ciclos Formativos”.
Lembra que é unha ensinanza máis focalizada en catro piares: matemáticas, lingua, inglés e sociais, accesible a todo o mundo e que ten entre as súas vantaxes a súa duración “de tan só dous anos, e non catro como na ESO”.
O perfil do alumnado da ESA é moi heteroxéneo, xa que se matricula xente de 18 anos en diante que non rematou a ESO, pero tamén adultos de todas as idades, incluso algún alumno de ata 75 anos.
As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula a partir do 2 de setembro na secretaría do propio IES Pedro Floriani. As clases arrancarán o día 11 de setembro impártense en horario de tarde.