A segunda edición da Punkativada de Soutomaior desenvolveuse con éxito durante as dúas xornadas desta fin de semana. A choiva da primeira hora da mañá do sábado obrigou a desprazar ás actividades ao Multiusos de Arcade, sen embargo o domigno a programación rematou xa no seu lugar orixinal grazas ao bo tempo, na Carballeira do Peirao.
A xornada do sábado comezou co ‘obradoiro creativo punki’ que tivo moito éxito entre pequenas e pequenos e tamén entre nais e pais que se animaron a prepara o seu “total look máis punki” para esta xornada. Dentro desta preparación o que máis gustou sen dúbida foi a maquillaxe e a perruquería onde, segundo explican dende o goberno local, “non quedou ningún neno e nena sen pintar o seu cabelo de cores co seu estilo máis punki”.
Ao remate do obradoiro chegou o momento da actuación do grupo redondelán ‘As Tareixas’. Estes pequenos e o seu pai conseguiron meter ao público no peto coa súa música e alegría entre a que non faltou un dos seus temas máis famosos que é ‘ A cadeira da avoa’ unha canción moi divertida que fala sobre a operación de cadeira da súa avoa materna. A continuación, chegou a quenda do directo de `Silforiña’ de Golfiños onde cos seus ritmos e corografías conseguiron poñer en pe a todo o auditorio.
Hellbrhothers de Cirkompacto foron os encargados de abrir a programación de tarde no Multiusos que deixou a todas e a todos abraiados cos seus saltos e acrobacias circenses. A continuación, os protagonistas foron ‘os xogos de paporrubio’ onde a tradición, as súas personaxes e historias foron quen de captar a atención durante preto de dúas horas e media de pequenos e maiores. Foi o concerto Singular de Píscore, ás 21:00h, o encargado de pechar a programación deste primeiro día de festa. Os ritmos musicais, a comedia xestual e o clown fixeron que o concerto Singular de Píscore fose un éxito cun cheo absoluto no auditorio do Multiusos.
O domingo retomouse a programación xa no seu lugar orixinal grazas ao bo tempo, na Carballeira do Peirao. Unha xornada que comezou ás 11:00 horas co obradoiro creativo de `Palabras encadenadas’ unha cita onde se encadearon palabras en galego creando unha peza artística e coa intención de que non se perdan.
Un dos pratos fortes desta edición foi o concerto da Gramola Gominola Unha banda de auténtico Rock&Roll en galego con Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). Xa pola tarde, tivo lugar o fin de festa por todo o alto co espectáculo ás de Peterpunk e o neno imperdible protagonizado por Peter Punk e Brais das Hortas.