Hoxe é Luns 16 de Setembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela contará con carteis informativos para que os propietarios de mascotas manteñan limpas as rúas

WhatsApp Image 2024-09-02 at 13.51.23

Os centros urbanos de Redondela e Chapela contarán con carteis informativos e de advertencia para que os propietarios de mascotas manteñan limpas as rúas e cumpran así coa lei de Benestar Animal. Preténdese sensibilizar ás persoas e preservar a contorna e os espazos de lecer e tránsito tanto de persoas maiores como cativos.

A concelleira de Medio Ambiente, Pilar Martínez, advirte que os excrementos e ouriños facilitan a transmisión de enfermidades, sobre todo en lugares de lecer, parques, paseos, ou zonas de xogo infantil e lembra que non recoller as deposicións dos animais pode carrexar multas de ata 750 euros para os infractores. “Ademais de xermes en xeral, poden transmitir lombrigas que dan problemas estomacais tamén ás persoas”, explica Martínez.

No caso dos excrementos existe unha ordenanza municipal que obriga á súa recollida e non recomenda deixalos nas papeleiras publicas, senón nos contedores correspondentes. En canto os ouriños, a concelleira sinala que se trata dun problema grave nalgunhas rúas do centro da vila, onde os residentes teñen que soportar malos cheiros nas entradas das súas vivendas .“A Av. Mendiño, na que se atopan as escolas, é unha das zonas máis afectadas por esta problemática”, sinala Martínez.

Os donos de cans deben levar unha botelliña con auga mesturada con vinagre, ou un produto de limpeza específico, para asperxer sobre os ouriños e diluílos. En todo caso, debe procurarse que os animas fagan as súas deposicións en zonas axeitadas “fóra de espazos de tránsito peonil ou de xogo, e afastados das entradas das vivendas ou comercios”.

Desde o Concello pídese a colaboración cidadá para identificar aos propietarios de animais que non cumpran coa normativa. “De momento non estamos pensando en denunciar, senón en sensibilizar e buscar unha solución a través da advertencia. Non se trata de acusar a un veciño ou veciña, senón de achegarse ao Concello e avisar da problemática para solucionalo sen chegar a unha demanda polo legal. Parece que moitas veces a xente só reacciona cando hai cartos polo medio, pero hai outras vías”. Neste sentido, Pilar Martínez, sinala que está “todas as mañás dispoñible na área de Medio Ambiente para calquera consulta”.

 A Concelleira advirte que este problema “só pode resolverse coa concienciación e colaboración dos veciños e veciñas”. Para máis información está dispoñible o teléfono do Concello de Redondela 986 40 03 00.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará