Manu Lourenzo e Pablo Garrido no colexio Padín Truiteiro xunto co directo, Quico Obelleiro
O Goberno de Soutomaior vén de desenvolver nos centros educativos que dependen da xestión municipal – CEIP Manuel Padín Truiteiro, Escola Infantil de Romaríz e Galiña Azul de Arcade – os traballos e arranxos necesarios para que estean listos de cara ao comezo do novo curso escolar o vindeiro 11 de setembro. Neste sentido, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Obras, Pablo Garrido, achegáronse onte ata o Padín Truiteiro para revisar xunto co directo, Quico Obelleiro, os traballos realizados.
En concreto, no centro educativo Padín Truiteiro, o Goberno de Soutomaior levou a cabo a limpeza e axardinamento dos taludes; o encintado do muro de mampostería; o pintado de porterías e renovación de redes; o pintado do comedor e varias aulas, así como o repintado da pista exterior educación viaria e tráfico e a limpeza de canalóns.
En canto aos outros dous centros educativos, na Galiña Azul desenvolveuse a revisión de todos os peches e estores, o repintado da valla exterior, a substitución da secadora e a colocación de mesas abatibles no comedor; mentres que na Escola Infantil de Romariz os traballos consistiron na substitución do pavimento dos baños, a limpeza de canalóns, o pintado da aula 2, a revisión de persianas e a construción dun areeiro.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “todos os arranxos realizados nos centros educativos realizáronse con fondos propios xa que para nós investir en educación, dentro das competencias que lle corresponden ao Concello, é un obxectivo prioritario”. Ademais, avanzou que o Goberno local mantén un diálogo fluído e constante cos equipos directivos de cara a buscar melloras a medio e longo prazo, co obxectivo de que o alumnado teña acceso ás mellores instalacións posibles.