A renovación do campo incluíu o cambio de céspede artificial por un de última xeración, a substitución dos proxectores de luz por tecnoloxía LED e novos canóns de rego e porterías. O importe das obras ascende a case 330.000 euros.
A renovación do Campo de Fútbol Municipal de Chapela xa é unha realidade para o comezo da tempada. A alcaldesa, Digna Rivas, visitou as instalacións do novo campo xunto co edil de Deportes Iván Valles, e o presidente do CF Chapela, Jose Benito Hermida, nunha cita á que acudiu tamén o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.
As obras permitiron substituír o céspede artificial en todo o terreo de xogo, en total 6.000 metros cadrados. A nova superficie é de última xeración, un céspede lastrado con area de sílice e caucho. O concelleiro de deportes, Iván Valles, explica que coa reforma conserváronse as dimensións do campo de fútbol 11 e dos dous campos de fútbol 8, coa marcaxe correspondente . O campo conta tamén con nova iluminación, cambiáronse os proxectores de luz antigos por outros con tecnoloxía LED “o que supón a mellora da eficiencia enerxética ao tempo que cumprimos coas condicións lumínicas para o xogo”, sinala Valles. Tamén se renovarán os canóns de rego por uns novos, así como as redes da porterías de fútbol 11.
A alcaldesa, Digna Rivas, explica que esta reforma foi posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos e agora son propiedade municipal. O campo de fútbol, construído no ano 2006, presentaba un importante deterioro, “polo que era moi necesario acometer esta obra e dar resposta ás necesidades de toda a rapazada que fai deporte nestas instalacións”, sinala Rivas. O financiamento fíxose a cargo do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra cun importe de 330.000 euros.