Foto do ATIR co cocho de Redondela
Magallanes Renovables traballa para revolucionar o sector da enerxía renovable en Galicia e no mundo. Están enfocados no desenvolvemento e a comercialización de sistemas flotantes de enerxía mareomotriz e ten como obxectivo abrir e liderar unha nova industria a nivel mundial centrada na explotación desta. Unha enerxía renovable inexplorada e singularmente predicible que pode desbloquear un novo mercado.
Nestes momentos teñen en marcha un proxecto que poderá xerar 4.5 MW utilizando as ondas nas costas de Escocia e Gales. O barco encargado de todo isto comezou a desenvolverse fai 15 anos e ten no mastro un choco de Redondela, levando a nosa terra con eles e mantendo a tradición dentro da innovación. Conta cunha plataforma flotante capaz de xerara enerxía a través das mareas.
Nun dos últimos pasos adiante que deron con este proxecto destaca a adxudicación de outros 3MW (megawatts) na poxa realizada por Reino Unido, cumprindo co seu obxectivo inicial. Con iso, a empresa poderá despregar dous “muíños”, en augas do norte de Escocia, alcanzando xa a cifra de nove destas infraestruturas no mesmo país tras os máis de 13MW logrados ata a data. Despois desta primeira nova plataforma escocesa, será a quenda para desenvolver o proxecto Morlais, en Gales. Na zona adaptada para a industria mareomotriz, Magallanes instalará primeiro catro dos seus “muíños” e logo outros dous, comezando en 2026.
Mario Iglesias Casal, xerente da compañía, explica para este medio que o proxecto funciona en augas de Reuno Unido, porque en Galicia as correntes son insuficientes para xerar esa enerxía. “Aínda que sempre pensamos na comunidade primeiro e buscando os seus beneficios, a realidade é que precisamos de correntes moi concretas que se dan en zonas específicas do mundo”, sinala Iglesias. Todo o volume do Mar do Norte entra en Reuno Unido cada seis horas no atlántico polo Canal da Mancha e as illas Orcadas (Escocia), onde está o Centro Europeo de Enerxías Mariñas, xerando un unha velocidade moi alta. Tamén traballan no Canal da Mancha en Francia e países como Chile ou Xapón , zonas moi determinadas do mundo onde a enerxía que xera o movemento do mar é predicible e infinito.
A firma atópase en plena selección de provedores e ultimando o financiamento que supoñerá este importante investimento, que superará os sete millóns de euros.