Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Redondela FS fai un chamamento a novos socios para unirse á Marea Azul

WhatsApp Image 2024-09-09 at 17.33.33

O Redondela FS comeza a tempada esta fin de semana en todas as súas categorías e ten aberta unha campaña de captación de socios para atraer xente á “Marea Azul”. Un club en continuo crecemento con 30 anos de historia, 160 fichas inscritas e equipos competindo nas ligas máis altas do fútbol sala galego.

A Presidenta do club, Yolanda Alonso ou Yoli, fai un chamamento “a calquera persoa interesada en unirse ao Redondela FS ou colaborar dalgunha forma” e salienta a calidade dos equipos que se atopan en categorías elevadas. O xuvenil está en División de Honra, máxima categoría na que acadaron na tempada pasada un meritorio terceiro posto, e o sénior atópase en Preferente co obxectivo de ascender a Terceira despois de subir ao podio o ano pasado e estar preto de conseguilo. Ademais, contan con 14 equipos repartidos en dous equipoas benxamíns, dous alevíns, dous infantís, tres cadetes, tres xuvenís e dous sénior. En canto aos cambios no corpo técnico e directiva, Yoli explica que “non haberá modificacións e Juan Carlos Rodríguez “Rolan”  seguirá sendo o adestrador do primeiro equipo”.

O plantel de xogadores si terá novas incorporacións, “sempre co obxectivo de que predomine no equipo a canteira que é para nós o máis importante”, sinala a directiva. Incorpórase de outros equipos Óscar e Brais- antigos xogadores do Campito FS- xunto con Xandro que volve despois do seu paso polo Pazos ao Redondela FS. Por último, o canterano Dani volver a xogar na súa casa despois dun parón por cuestións académicas e de traballo.

“Os xuvenís sempre son un apoio para o sénior e este ano tamén incorpóranse algúns deles ao primeiro equipo”, explica Yolanda Alonso.

Un ano máis non foi posible incorporar un equipo cadete feminino. Ata a categoría infantil os equipos poden ser mixtos, pero cando chegan a seguinte categoría en moitas ocasións non hai rapazas suficientes para conformar grupo competitivo, o que complica a continuidade das mozas neste deporte. Para Yoli sería “todo un orgullo contar coas xogadoras suficientes para formar equipo e competir e seguirémolo intentando, polo que tamén facemos un chamamento as rapazas interesadas”.

Xa está dispoñible a inscrición para facer o carné de socio do Redondela FS e para solicitalo hai que encher un formulario que teñen dispoñible nas redes sociais ou contactar co club  a través do teléfono 669 00 52 16 e abonar o prezo de 20 euros que custa unha tempada.

“Sempre hai necesidades e os gastos aumentan co crecemento do club”, Yolanda Alonso.

A primeira xornada da Liga en Preferente comeza o sábado 14 ou domingo 15 de setembro cun derbi contra o Campito FS no Pavillón Municipal de Chapela Manuel González Soto. O xuvenil tamén xoga fora da casa contra o ADC Lugo Sala.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará