Elsa Sio
A Asociación Lenda Saúde Mental, como entidade membro de FEAFES Galicia, impulsa o programa Conecta coa Vida. O obxectivo xeral do programa é realizar accións de sensibilización, prevención, detección precoz, coordinación e intervención dende unha perspectiva integral para previr e atender a conduta suicida, así como realizar accións de postvención en superviventes con atención ante o duelo por unha morte por suicidio.
O Día Mundial da Prevención do Suicidio celebrouse onte, pero esta é unha problemática que ten que estar presente todos os días do ano. O suicidio é a principal causa de morte non natural a nivel global, especialmente nos colectivos sensibles e adolescentes. Galicia rexistrou 328 suicidios en 2022 e no 2020 o número de suicidios en España alcanzou o máximo histórico dende que se teñen datos. Por isto a prevención debe entenderse dende o marco temporal e histórico do COVID-19 xa que existe un aumento da conducta suicida. Por todo isto, a psicóloga xeral sanitaria Elsa Sio de Lenda, explica que o programa que ela coordina “é de grande importancia e xa estamos traballando con casos individuais”. Terá unha duración dun ano, pero se resulta ter éxito podería continuar no tempo.
“O suicidio é multicausal e complexo”, explica Elsa. Nalgún momento da vida calquera persoa pode sentirse tan desbordada, atafegada e desesperanzada que lle leve a plantexarse una solución tráxica. Sen embargo “isto pódese prever e buscar solucións na contorna que axuden a saír desa situación de desacougo buscando remedios para facer desaparecer o que provoca a conducta suicida”, sinala a técnica que engade: “ Cada caso é único e a consulta cun profesional é o máis importante, acudir ao médico ou ao psicólogo a tempo pode ser crucial”.
Antes de que a persoa realice unha tentativa, teña como consecuencia a morte ou non, evidéncianse unha serie de síntomas e signos que posibilitan a detección do risco e isto tradúcese en que é posible previr a conducta suicida. Nesta liña, Conecta coa vida, ofrecerá obradoiros e actividades con profesionais, tanto para usuarios e usuarias da asociación como para a veciñanza e familias que queiran informarse, buscar solucións e saber detectar a problemática. “Moitas veces á sanidade non se pode facer cargo das demandas ou ten tempos de espera moi logos, polo que consideramos que dende Lenda e FEAFES é importante ofrecer alternativas”, engade a psicóloga sanitaria.
O programa contará con diferentes fases, comezando cunha prevención primaria na que se desenvolveran accións de sensibilización en diferentes contextos: educativos, sanitarios, sociais, etc., por medio de charlas/talleres acompañados de accións de coordinación, seguimento e intervención específica. Continuando por unha prevención secundaria para detectar o risco suicida.
Lembramos que numero de teléfono de marcación abreviada 024 do Ministerio de Sanidade está dispoñible para calquera emerxencia ou consulta sobre conductas suicidas. Sen embargo, este non pretende substituír nin ser alternativa á consulta presencial cun profesional sanitario cando sexa necesaria.