A partir do 1 de outubro entrará en funcionamento unha nova aplicación máis moderna e accesible para a reserva de pistas municipais de padel e tenis. A nova ferramenta, explican dende o goberno local, suporá unha mellora notable para as persoas usuarias en termos de rapidez e facilidade para adquirir os bonos para o uso das pistas.
Ata o de agora, as persoas interesadas en facer uso das pistas municipais tiñan que facer parte do proceso de maneira presencial no Pavillón da Montesiña ‘Alfonso Pazos’. Con esta nova aplicación, todo ese trámite axilizarase e tan só con crear un usuario e un contrasinal xa se terá acceso. Na aplicación xestionarase directamente tanto o acceso ás pistas como o uso dos focos no caso de ser necesario, sendo un proceso moito máis fácil para as persoas usuarias e que liberará de carga administrativa ás técnicas municipais de deportes.
Tamén se axiliza o sistema para acceder ás pistas, xa que non fará falta contar cunhas chaves. A persoa que teña a reserva no seu móbil simplemente deberá achegar o teléfono ao peche electromagnético e este abrirase automaticamente. Este novo peche tamén conta cun mecanismo de seguridade en caso de perda da corrente eléctrica polo cal a porta de acceso a pista se poderá abrir desde dentro de maneira manual.