A concellería de Maiores pon en marcha un ano máis o curso de taichí que comezarán en outubro nas parroquias. O prazo de inscrición para estes cursos está aberto do 16 ao 25 de setembro nos rexistros do Concello. As clases son de balde, e comezarán o 10 de outubro. Impartiranse en Redondela, Chapela, O Viso, Reboreda, Ventosela, Quintela, Cabeiro e como novidade tamén en Saxamonde, Cesantes e San Esteban de Negros.
A alcaldesa, Digna Rivas, destaca a importancia de achegar estes cursos a toda a poboación “facilitando que poidan participar deles sen desprazarse da súa parroquia”. A concelleira Pilar Martínez convida a veciñanza a participar nestes cursos e beneficiarse desta práctica milenaria que “favorece a relaxación, reduce o estres e a ansiedade á vez que mellora a flexibilidade do corpo e o equilibrio da mente”.
BENEFICIOS DO TAICHÍ
Esta práctica deportiva, de movementos lentos e pausados, axudan a mellorar a forza muscular ademais aliviar as dores de persoas que padezan doenzas crónicas como a artrite. A práctica do taichí realizase de pé. Os brazos úsanse para realizar movementos que van desde simples a complexos e nos que se traballan as articulacións, o que as fortalece, osixena e tonifica. Ademais os seus movementos melloran e fortalecen os sistemas cardiovascular e respiratorio. Tamén axudan a diminuír a frecuencia cardíaca e melloran a circulación. Está demostrado que a práctica desta arte milenaria, mellora a memoria e os niveis de hipertensión arterial.