Foto de Máximo Expósito
O Club de Remo de Chapela xa está de volta do País Vasco despois de disputar o ‘play-off’ das ligas vasca Euskotren e Eusko Label, que se celebraron en Bermeo e Portugalete e poñían punto e final á tempada de traiñeiras. Despiden o verán por todo o alto coa súa xa tradicional Festa do Día do Remo que se celebra ao longo deste sábado no paseo marítimo e no que tamén poderán festexar os resultados históricos acadados esta tempada.
Antonio Viaño, Presidente do club, fai unha valoración positiva desta tempada que rematou á fin de semana pasada e que deixou grandes momentos para o Club de Remo de Chapela. “Tendo en conta que somos unha localidade pequena saímos ao mar con tres equipos”. A embarcación masculina conseguiu o título de subcampión da Liga Galega de Traiñeiras, mentres que a embarcación feminina proclamouse campioa galega. As remeiras bateron marcas tamén na Bandeira da Concha acadando o seu mellor resultado ata o de agora. Remataron de cuartas na competición en Donostia, despois dunha gran loita con Kaiku. O presidente explica que “non nos esperabamos tan bos resultados. En edicións anteriores chegamos ao sétimo e sexto posto e agora subimos dous chanzos máis, cando moitos equipos históricos case quedan fóra”.
O sénior masculino quedou no quinto posto no play-off da liga Eusko Label e as remeiras do sénior feminino no terceiro no play-off da liga Euskotren, demostrando a súa valía entre as mellores embarcacións do norte do país e quedando ás portas do ascenso. A experienicia foi para Viaño “moi boa e valeu de aprendizaxe tanto para a directiva como os deportistas que se mediron na categoría máxima do remo”.
En canto aos obxectivos de cara á tempada seguinte, apunta o directivo que “son os mesmos e non haberá moitos cambios”. Tentarán chegar ao máis alto do podio en tódalas categorías da Liga Galega de Traiñeiras e continuarán co soño, cada vez máis preto, de competir na Liga ACT no País Vasco.
Os afeccionados ao remo teñen unha cita este sábado en Chapela, para celebrar o Día do Remo e gozar do momento doce que está a vivir o Club de Remo de Chapela cos bos resultados desta tempada. A celebración alcanza a súa oitava edición e, ademais de deporte, ofrecen gastronomía e música no paseo marítimo de Cardona. Reúne a centenares de veciños á beira dos equipos de traiñeiras e bateis. A participación é cada ano maior e achéganse remeiros de toda Galicia e tamén do País Vasco e Cantabria.
O evento, organizado polo Concello de Redondela xunto á Asociación Día do Remo, coa colaboración do Club de Remo de Chapela, incluirá varias regatas e unha travesía popular de embarcacións polo estreito de Rande..Dende a directiva aclaran que “os equipos faranse a sorteo e se mesturarán os deportistas e afeccionados interesados”. A travesía popular comezará ás 11.00 horas e percorrerán unha distancia de 4 millas náuticas, con saída desde Arealonga, pasando por baixo da ponte de Rande, o museo Meirande e regreso ata Chapela. No Museo de Rande serán recibidos cunha representación teatral sobre a batalla e os participantes realizarán unha ofrenda floral en homenaxe aos caídos na histórica contenda naval. Pola tarde, ás 19.00, celebraranse as regatas curtas do Día do Remo con tripulación mixta.
A degustación gastronómica conta cunha gran paella de marisco para comer e dúas tenreiras “ao espeto” para cear, a partir das 20:30 horas ,como atractivo culinario. A festa continuará pola noite coa actuación do grupo Bafana Bafana e varios DJ’s ata ás 04:00 horas.
Chapela volve ser este sábado capital do remo nunha xornada na que deporte, cultura e gastronomía van da man. Os tickets para a cea pódense adquirir na cafetería Kima ou nas instalacións do Club de Remo de Chapela a un prezo de 18 euros. O prezo da paella mariñeira será de 8 euros.
Fotos do Día do Remo de anos anteriores feitas por Máximo Expósito.