Equilibristas, malabaristas, acróbatas… o maior espectáculo do mundo chega a Redondela con “O circo de Pinocho” a última proposta escénica de Educateatro producións que busca levar o circo tradicional a todas as vilas e cidades galegas. A estrea mundial será o vindeiro 4 de outubro e haberá funcións os días 5, 6, 11, 12 e 13 do vindeiro mes. Un espectáculo para toda a familia cuxas entradas están xa a venda a prezos que oscilan entre os 10 e os 20 euros na web circodepinocho.gal
Un macro proxecto de Eduateatro producións que por primeira vez sae das salas dos teatros e se embarca neste espectáculo de maior envergadura cuxa estrea será o vindeiro 4 de outubro en Redondela, nunha carpa con capacidade para 450 persoas que está xa instalada entre o pavillón da Marisma e o Ies Mendiño.
Unha montaxe creada unicamente para representarse en carpa que combina o teatro musical cunha escolma dos números máis clásicos do circo.
Un espectáculo 100% orixinal que inclúe números de corda frouxa, de forza capilar, acrobacias, trapecio, paiaso…, o obxectivo, explica Xandre Vázquez “é mesturar o mundo circense e o teatro musical, recollendo números clásicos de circo e dándolle un fío argumental partindo da historia tradicional de Pinocho”.
Un circo “riquiño” como define Vázquez quen salienta tamén que o tamaño da carpa e das instalacións están pensadas para que toda persoa que pague unha entrada poida ver os números con comodidade e boa visibilidade.
Supón ademais “cumprir un soño persoal” ao poñer en marcha o primeiro circo en carpa que funciona en toda Galicia iso si, con marcado carácter redondelán xa que detrás deste proxecto o acompañan outros veciños da vila como Paulo Medal, Roberto Casal ou Pablo Pastor.
As entradas para as dez funcións que se farán en Redondela antes de iniciar unha xira por diferentes vilas e cidades están xa a venda. Pódense retirar na web www.circodepinocho.gal