Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela reclama medidas para reducir os ruídos e as vibracións que provoca o paso do tren pola parroquia

chapela tren

A Asociación de veciños de Chapela convoca aos afectados a unha asemblea que se celebrará o vindeiro venres día 20 ás 20:00 horas no local das mulleres de Agarimo para presentar as súas demandas e  consensuar unha proposta común de reclamación ante as administracións correspondentes.

O paso de trens pola vía que cruza a parroquia dende a zona industrial de Pescanova ata as Catro Pontes ten unha repercusión moi negativa nunha zona moi poboada onde a separación das vías dos edificios é moi reducida. Unha circulación que provoca ruídos e vibracións que molestan á veciñanza que reside en zonas próximas, principalmente en horario nocturno. Malia que non é algo novo a situación tense agravado nos últimos tempos debido ao incremento de trens de mercaduría, que son moito máis longos e ruidosos que os de pasaxeiros. Unha situación que está a acabar coa paciencia dos veciños e veciñas.

Marcial Pérez, presidente Asociación de Veciños de Chapela

A contaminación acústica é especialmente molesta en horario nocturno provocando un malestar xeral ao non permitir aos veciños conciliar o sono, o que levou a moitos dos afectados a poñerse en contacto coa asociación.

Ante esta situación, o colectivo convoca unha asemblea aberta para este venres co obxecto de abordar a cuestión e valorar cales serían as mellores solucións para atallar o problema: reclamar pantallas acústicas, que se substitúan as vías por outras que soporten mellor o paso dos trens… en definitiva, buscar a solución idónea porque, insiste Marcial Pérez, “incluso no caso da colocación de pantallas habería que valorar que as mesmas fosen transparentes e que non partan a parroquia”, polo que fai un chamamento aos afectados a que acudan a esta xuntanza para consensuar as demandas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará