Chapela celebrou onte a oitava edición do Día do Remo, organizada polo club de remo da parroquia, a Asociación Día do Remo e o Concello de Redondela. Festexaron xunto á veciñanza o éxito deportivo do club nas últimas competicións deportivas e xuntaron deporte, gastronomía e historia con actos en recordo á Batalla de Rande.
Os afeccionados ao remo puideron gozar dende ás 11:00 horas da mañá no Paseo de Cardona da celebración dunha travesía popular en todo tipo de embarcacións como traiñeiras, trainerillas, bateis, gamelas ou kaiaks. Os participantes percorreron unha distancia de 4 millas náuticas, con saída desde Arealonga ata o museo Meirande e regreso a Chapela. No Museo de Rande foron recibidos cunha representación teatral sobre a batalla e os participantes realizaron unha ofrenda floral en homenaxe aos caídos na histórica contenda naval. Tras a ofrenda, as embarcacións regresaron a Arealonga, onde se deu inicio ás regatas veteranas.
Unha vez finalizadas as regatas veteranas comezou a degustación gastronómica, a partir das 14.00 horas do medio día . Consistiu nunha gran paella de marisco que deu de comer a unas 400 persoas a un prezo de 8 euros. Despois do descanso, pola tarde ás 19.00, celebráronse as regatas curtas do Día do Remo con tripulación mixta. A participación é cada ano maior e achéganse remeiros de toda Galicia e tamén do País Vasco como Getxo, Zumaia e Orio. A partir das 20:30 horas continuaron co maior atractivo culinario da xornada. Aproximadamente 1.000 persoas, entre os participantes e veciños de Chapela, acudiron á carpa do paseo marítimo para degustar as dúas tenreiras asadas ao espeto, que contaron cun prezo de 18 euros por ración e mexillóns de balde. A “festa” deu comezo coa actuación do grupo Bafana Bafana e varios DJ’s ata ás 04:00 horas. O grupo redondelán interpretou para os asistentes os grandes éxitos musicais dos anos 80 e 90.
Un dos momentos máis emotivos foi o descubrimento dunha placa de homenaxe sobre a fachada do club en recordo a Jurandir Peres Martínez, “Xura”, coa seguinte mensaxe: “Exemplo de traballo xeneroso, espírito de equipo e amizade sincera. Sempre serás parte da nosa tripulación”. Xura foi unha persoa que colaborou co club desde fai máis de 20 anos, facendo todo tipo de traballos de taller, fontanería, albanelaría, limpeza ou reparacións no material deportivo. Ademais, é o pai do actual patrón da traiñeira masculina Hugo Péres Covelo e a súa muller Mili é membro da actual directiva. “Unha persoa entrañable á que todos os deportistas do club téñenlle un agarimo especial. Estivo moi unido ao expresidente Julio, xa que todos os traballos de mantemento do clubo os facían xuntos”, explica o actual presidente Antonio Viaño.
Esta festa permitiu á parroquia celebrar o gran momento deportivo do club de remo. A embarcación A conseguiu o título de subcampión da liga Galega de Traiñeiras, mentres que a embarcación feminina proclamouse campioa galega. Ambos equipos competiron polo ascenso na liga ACT, con todo, ningunha o conseguiu, aínda que a embarcación feminina quedou ás portas ao conseguir o terceiro posto nos ‘play-off’. Un fito histórico para o club que non para de crecer.
O Día do Remo está organizado pola Asociación do Día do Remo, o Concello de Redondela e o Club de Remo de Chapela. Unha xornada moi especial para os amantes do deporte que este ano volveu ser todo un éxito.