A proposta saiu adiante cos votos a favor de PSOE e AER, a abstención do PP e os votos en contra do BNG quen lle botaron en cara ao goberno o elevado gasto en “festas e festexos con 700.000 euros mentres deixan de lado cuestións básicas como as partidas de emerxencia social, as traídas de augas ou os orzamentos participativos”. Os populares, malia que cualificaron o documento como o das “contas do pan e circo”, facilitaron a súa aprobación ao absterse na votación.
Un documento que recolle un resultado positivo, segundo explicaba o edil de Economía e Facenda, Antonio Cabaleiro, cun remanente para gastos xerais con case catro millóns de euros e que amosa “que o concello de Redondela está completamente saneado”.
O seu socio de goberno, o edil de AER, Roberto Villar criticou “o elevado gasto en determinadas partidas, especialmente as relacionadas co ocio e as festas, mentres que noutras partidas o gasto é nulo”. Unhas críticas que non impediron que votaran a favor das contas.
Os únicos votos en contra foron os dos nacionalistas afirmando estar en contra “da dinámica económica do goberno” e criticou, entre outras cuestión, que “o concello siga sen ter orzamento no cuarto trimestre do ano, que se estea gastando dunha maneira alegre, así se fixo no 2023 como acredita este documento e así se está a facer este ano”. Achacaron tamén a concellería de economía que non teña unha boa planificación en cuestións relevantes e criticaba expresamente que “non se esgoten as partidas de carácter social”.
Os populares cualificaron este documento como “as contas do pan e circo, as contas das facturas no caixón e do incumprimento da regra de gasto”. Así o explicaba a edil do PP, Ana Alonso quen facía un percorrido por algunas das partidas que o goberno local deixou de gastar o pasado ano: partidas de emerxencia socia, muller ou xuventude, entre outras.
Con todo, a abstención dos seus concelleiros permitiu ao bipartito sacar adiante estas contas.