A empresa Idades imparte un curso formativo gratuíto enfocado no sector sociosanitario e a atención a domicilio. Este programa incluirá clases teóricas, que se levarán a cabo do 21 ao 31 de outubro no Multiúsos de Redondela en horario de 16:30 a 20:30, e prácticas en empresas. O alumnado do curso obterá así formación nun sector cunha alta empregabilidade. De feito, a empresa organizadora confía en que algunha das persoas que completen con éxito esta formación pasen a formar parte do seu cadro de persoal.
O curso está dirixido a persoas que estean interesadas nesta actividade e que teñan como vocación traballar no sector sociosanitario, sector que a día de hoxe, segundo nos explicaba o xerente de Idades, Victor Durán, presenta unha carencia importante á hora de atopar profesionais cualificados para asumir o coidado de persoas dependentes. Neste sentido apuntaba que rematar o curso supón unha garantía de empregabilidade.
O temario do curso consta de varios módulos, entre os que figura a intervención e a aplicación de técnicas de hixiene e aseo de persoas dependentes, o proceso de envellecemento con especial atención a patoloxías teles como o Alzheimer, diabetes ou Parkinson, pautas para unha correcta alimentación e medicación, nocións de primeiros auxilios e técnicas de mobilización e traslado.
O curso ten un máximo de 30 prazas e a inscrición está xa aberta no enderezo paula@idades.es ou no teléfono 653995307. Durán anima aos veciños e veciñas de Redondela a acceder a esta formación que os dotará das habilidades, competencias e ferramentas necesarias para a súa inserción no mercado laboral, nun sector que pola evolución demográfica, cunha poboación cada vez máis envellecida, vai a máis.
A actividade está organizada pola empresa Idades en colaboración co Concello de Redondela.