Esta actividade pecha o programa de ecoturismo e educación ambiental organizadas polo Concello ao longo do verán. Será o domingo día 29 cunha ruta en bicicleta e observación de aves na Portela.
A ruta deste domingo ten un prezo de 5 euros con bicicleta propia, 8 euros con bici do servizo de aluguer do Concello. Para participar é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, rúa Isidoro Queimaliños, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.
Dende o concello valoran moi positivamente o programa desenvolvido nos meses de xullo, agosto e setembro que incluíu un total de 28 actividade entre as que se atopaban saídas a pé, en caiac e en bicicleta para coñecer o patrimonio natural de diferentes parroquias do municipio. Os roteiros ambientais, organizados polas concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente ofreceron tamén rutas guiadas nocturnas que tiveron moi boa acollida entre o público. A pasada fin de semana celebrouse unha actividade novidosa, un xogo de Orientaventura en bicicleta nos montes de Saxamonde, que foi un éxito de participación.