Máis dunha trintena de establecemento participarán este sábado e domingo nunha cita comercial e festiva que se desenvolverá nos xardíns da Alameda. Ofertas e prezos de saldo en artigos tanto de inverno como de verán é o que poderán atopar os clientes que se acheguen a este evento anual que organiza a Asociación de empresarios de Redondela. Haberá actividades e inchables para os cativos.
A Feira de Oportunidades ofrece dúas xornadas que converten a Alameda nun gran espazo comercial no que os establecementos da vila ofrecen os seus artigos a prezos rebaixados. Os comerciantes ven nesta feira a posibilidade de lanzar o mercado as prendas que quedaron sen vender durante a pasada temporada de inverno e de verán.
Nesta edición os establecementos de moda, roupa, calzado e complementos suporán máis do 50% da oferta comercial, pero tamén haberá establecementos doutros sectores. Un dos grandes reclamos son as grandes marcas do comercio local e a súa garantía de autenticidade.
Os vehículos tamén teñen un espazo neste eventos con oportunidades exclusivas durante os días de duración do evento.
A Asociación presentou a edición deste ano pendente da situación meteorolóxica. Se o tempo o permite a cita será esta fin de semana 28 e 29 de setembro, no caso de que os prognósticos empeoren a organización adiará o evento.
Espazo infantil
Un clásico na feira de oportunidades é a gran cantidade de xogos e espazos infantís que se despregan por toda a Feira. Haberá espazos de xogos libres, inchables, talleres e un servizo de gardería que permitirá deixar aos cativos ao coidado de monitores profesionais mentres os maiores fan as súas compras.