O Concello de Redondela e a empresa Training Norte poñen en marcha unha actividade de balde para toda a veciñanza na que se darán a coñecer as pautas do acondicionamento físico individual ou Cross Training. Terá lugar este sábado ás 10:00 horas na Alameda de Castelao.
Training Norte é unha plataforma de acondicionamento físico para atletas individuais e centros de adestramento funcional que tem sede en toda Galicia e que tamén traballa en Redondela. As instalacións atópanse na Rúa do Muro, 39.
O Cros Training – tamén coñecido como adestramento funcional – é un deporte que engloba diferentes exercicios de alta intensidade, tanto de forza como cardiovasculares, para traballar todos os grupos musculares. O seu principal obxectivo é potenciar a condición física do deportista e incrementar o seu rendemento deportivo.
Trátase dun tipo de adestramento en que o nivel de intensidade vén marcado pola carga ou ben pola velocidade na execución do exercicio. Unha sesión adoita durar unha media dunha hora e componse pola fase de quecemento, a práctica de exercicios cardiovasculares e de musculación e a volta á calma para estirar e recuperar o corpo tras o esforzo físico.
O obxectivo da actividade, ademáis de facer promoción do propio ximnasio é o de promover a saúde e o benestar da poboación da cidade. Tratarase dunha clase completamente gratuíta ao aire libre para todos aqueles que se queiran unir. Para máis información poñen a disposición o teléfono de contacto 664 613 609.