O Proxecto Ríos de ADEGA promove un curso de formación centrado no coñecemento e no coidado dos nosos ríos. Terá lugar no IES de Soutomaior este sábado 28 de setembro desde as 10:00 ata as 14:00 horas. Contempla unha saída ao río para a recollida e estudo de invertebrados bioindicadores. O domingo haberá tamén unha limpeza na contorna do Verdugo e o Oitavén con saída as dez da mañá dende a praia da Xunqueira en Arcade.
As persoas participantes na actividade do sábado coñecerán a aplicación do Proxecto Ríos como proxecto de aprendizaxe nos centros de ensino. Farase tamén unha recollida e identificación de macroinvertebrados bioindicadores dos cursos fluviais, empregados polo voluntariado do Proxecto Ríos para determinar a calidade ecolóxica dun río. Así nolo explicaba a educadora medioambiental María Lafuente
A xornada arrancará ás dez da mañá coa presentación do proxecto e a entrega do material. A continuación intervirán as profesoras de Física e Química do IES de Pontecaldelas, Andrea Vázquez e Susi Veiga quen falarán do proxecto ríos como proxecto de aprendizaxe nos centros de ensino.
A continuación terá lugar a saída ao ría e a identificación dos macroinvertebrados con Alejandro Polina, entomólogo e investigador do grupo de Bioloxía ambiental da Universidade de Vigo.
O curso é gratuíto, mais é preciso inscribirse na web de Adega neste enlace: Inscrición Proxecto Ríos