O bo tempo da fin de semana, principalmente o sol que acompañou durante o sábado, fixo que centos de veciños e veciñas se animaran a pasear pola Alameda de Castelao e mercar nos 30 stands do comercio local que ofrecían os seus productos con descontos que nalgúns casos, co gallo da Feira de Oportunidades, chegaban ao 50%.
Roupa, calzado, complementos… pero tamén xoguetes, produtos do agro ou de alimentación formaban parte da oferta á que podían acceder os clientes neste mercado ao aire libre que dende hai máis dunha década organiza a Asociación de Empresarios.
O Colectivo agradeceu o apoio recibido tanto da Xunta como de todos os grupos políticos da corporación que se achegaron ao evento. Así, o Director Xeral de Comercio Gabriel Alén visitou a feira de oportunidades na mañá do sábado, do mesmo xeito que a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas así como os representantes de PP, BNG e AER.