A plataforma pola mellora da EP2702 aplaude a unión amosada no pleno extraordinario convocado onte polo goberno local de Pazos de Borbén para someter a votación o convenio coa Deputación para o arranxo da estrada. Neste ocasión todos os partidos –Alternativa veciñal por Pazos, PP, PSOE e BNG- estiveron de acordo en asinar un documento que permitirá o investimento dun millón de euros para acometer a primeira fase da obra que afectará a un tramo da vía de 1,5 kilómetros.
Logo de semanas de desencontros entre o organismo provincial e o concello de Pazos, a aprobación por unanimidade, salvando os reparos do informe de secretaría, parece que suporá un paso adiante cara o arranxo dun tramo da estrada que comunica Amoedo e os Valos.
Dende a plataforma José García explica que asistiron ao debate plenario sen saber cal ía ser o resultado e agradecen que “por unha vez os políticos estean a altura da veciñanza e se poñan de acordo polo ben común”.
Confían en que, tal e como lles trasladou a Deputada Provincial, Isabel Couselo, as obras comecen nun prazo máximo de seis meses e que se comece a negociar xa a realización dos dous tramos pendentes “que son os máis perigosos polo trazado da vía e pola proximidade das casas”.
O estreito da estrada, o deterioro do firme, a falta de beirarrúas e beiravías así como o elevado tráfico pesado que circula por esta estrada provincial supoñen “un perigo constante” para os seus usuarios. Esta mesma semana houbo un incidente no que se viu implicado un autobús escolar.
Polo de agora o colectivo manterá a convocatoria de mobilizacións “seguiremos saíndo a rúa todas as semanas como estamos facendo dende hai meses, o obxectivo e seguir demandando o arranxo da vía ata que non vexamos traballar as máquinas e non haxa un compromiso por mellorar os 8 kilómetros do seu trazado”. Neste sentido, García salienta o entusiasmo veciñal que “chove ou vente non renuncia a reclamar os seus dereitos”.
O público que asistía ao pleno de onte recibiu con aplausos o resultado da votación que dá vía verde ao convenio coa Deputación.