A Plataforma en defensa do Sur da Dorsal Galega convoca ás 19:30 horas de hoxe venres en Fornelos de Montes unha xornada informativa sobre a repercusión dos parques eólicos despois do recente anuncio do proxecto de Coto das Eiras que pretende instalar dez aeroxeradores entre os municipios de Fornelos de Montes e Mondariz. As alegacións ao proxecto do parque eólico pódense presentar até o 23 de outubro.
Esta infraestrutura afectaría de xeito directo ás parroquias de Gargamala, Traspielas e Ventín, xunto coas liñas LTE que terán repercusións en centos de propiedades particulares de varias parroquias de Fornelos e Pazos de Borbén.
O acto será hoxe,ás 19.30 horas, na Casa do Pobo de Ventín (Fornelos) e contará coa participación do técnico forestal Kiko González, o arqueólogo e historiador Xosé Lois Vilar, e a representante da asociación Amil sen Eólicos, Patricia Gamallo, ademais da actuación musical de Su Garrido Pombo.
Desde a Plataforma Dorsal galega convidan a asistir a todos os veciños, en especial aos afectados polo proxecto. Os colectivos convocantes apostan por outra forma de rendibilizar o monte que non sexa agresiva coa vida dos residentes da contorna e sen causar un forte impacto tanto á paisaxe como ao patrimonio natural e histórico. No caso concreto de Coto de Eira, sinalan que afectará á fauna e, de maneira singular, ás aves que verán incrementado o índice de mortalidade ao chocar con as aspas dos muíños.