O Festival Internacional de Títeres Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde homenaxeará ao veterano tirtiriteiro redondelán tras concederlle o seu premio de honra. O festival recoñece así “unha figura imprescindible da escena galega en xeral e do teatro de marionetas en particular” como é Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán” cuxa traxectoria profesional está necesariamente vinculada ao grupo Tanxarina.
Con este galardón, o Festival Internacional Galicreques quere “celebrar e reinvindicar a traxectoria, o esforzo e o talento dun dos grandes nomes das nosas artes escénicas. Sen o seu traballo como actor, como titiriteiro, o noso teatro non sería o que é hoxe por hoxe”.
Lembran que “Tatán” forma parta da xeración de pioneiros que abriu camiños para a dignificación da escena dos monicreques e que o seu labor en Tanxarina “unha das compañías máis importantes do país, é exemplo para todas as xeracións, para calquera artista e para o futuro deste oficio dos títeres”.
Galicreques agradécelle a “Tatán” con este premio a súa enorme, brillante e imprescindible contribución ao teatro.
‘Tatán’ recibirá o galardón o domingo 20 de outubro no Teatro Principal de Santiago, antes da función de clausura desta 29ª edición do Festival Galicreques.