Hoxe é Venres 22 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Abre o prazo para inscribirse nos novos obradoiros de emprego cun total de 20 alumnos

obradoiro

O Obradoiro de Emprego “Polo mar de Redondela” impartirá dúas especialidades formativas: Carpintería de ribeira, cuxo alumnado construirá unha réplica navegable do histórico bote “Manuel”, e Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica. A formación durará 9 meses e os alumnos cobrarán o SMI. As persoas interesadas deberán inscribirse na oficina de emprego.

Un total de 20 veciños e veciñas poderán formarse e traballar durante 9 meses no Obradoiro dual de emprego “Polo mar de Redondela”. Neste obradoiro, que comezará en decembro, impartiranse dúas especialidades formativas. Unha será a de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica e outra a de Carpintería de Ribeira. Nos dous casos os e as aspirantes deben cumprir os requisitos de acceso a un Certificado de Profesionalidade Nivel 2.

Na modalidade de Carpintería de Ribeira o alumnado-traballador elaborará unha réplica navegable do histórico bote “Manuel” co que poder cruzar a enseada. A embarcación formará parte dunha exposición que permita divulgar a súa historia e poñer en valor o patrimonio marítimo de Redondela. No obradoiro o alumnado tamén traballará na instalación de contraventás de carpintería, portas e tarimas en distintos edificios municipais.

Na especialidade de Forestal-Xardinería e Agricultura ecolóxica vanse realizar labores de roza, poda e mellora das árbores en Monte Penide/Mirallo, o Coto do Gran e o Paseo do Río Pexegueiro. Tamén se fará unha zona axardinada ao carón do parque de skate de Chapela e o mantemento dos xardíns da Xunqueira, da Alameda, da rúa Xeneral Rubín e da urbanización Regojo. O alumnado traballará tamén na mellora das rotondas de Cabanas e Cedeira, e realizará o mantemento do viveiro e a horta ecolóxica da Finca de Pousadouro.

As persoas interesadas, que cumpran os requisitos, deberán inscribirse na oficina de emprego de Redondela que lles corresponda do Servizo Público de Emprego de Galicia. O Concello realizará o proceso de selección (segundo as bases reguladoras da selección do alumnado- traballador publicadas na páxina web e na sede electrónica ) coas persoas preseleccionadas pola oficina de Emprego. As persoas finalmente seleccionadas serán contratadas e percibirán mensualmente o SMI.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, concedeulle ao Concello de Redondela unha subvención polo importe de 411.928 euros para o financiamento deste proxecto. O Concello pola súa parte fai unha achega de 46.473,14€. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que obxectivo destes obradoiros “é mellorar a empregabilidade dos participantes para que, unha vez rematada a formación teórica e práctica, se incorporen ao mercado laboral e atopen un emprego”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará