A proposta, redactada pola empresa de enxeñería Enurcoin, contempla carril bici, vertebración, calmado de tráfico, vexetación nas beirarrúas e na mediana… estes son algúns dos elementos que inclúe o proxecto que o concello de Soutomaior lle trasladou ao director xeral de Carreteras, Juan Pedro Fernández Palomino.
A N-550 é unha “barreira que divide e hipoteca o futuro de Soutomaior”. Así o entende o seu alcalde Manu Lourenzo, quen a semana pasada se desprazou a Madrid para defender ante o Ministerio de transporte e mobilidade a necesidade de acometer unha serie de melloras que transformen esta vía e humanicen o centro urbano de Arcade.
Ábrese así un expediente para estudar a posibilidade de acometer o proxecto redactado pola empresa Enurcoin no que se detalla a conversión dunha nacional que a día de hoxe actúa como “barreira para a poboación, restrinxindo o transito peonil transversal, que conta un elevado número de accidentes, soporta a diario tráfico de pesados e alta velocidade de vehículos, ten descontinuidade nas beirarrúas, que son estreitas e pouco accesibles, baixa visibilidade en pasos de peóns e pola que transitan máis 100 mil peregrinos anualmente.
O proxecto que está sobre a mesa ten como obxectivos transformar a estrada nunha rúa, con calmado de tráfico, humanización e sostenibilidade, maior calidade urbana, ambiental e paisaxística así como mellorar a coexistencia entre as persoas e os vehículos cunha maior integración paisaxística. O obxectivo último sería tamén reducir o número de accidentes, mellorar os tránsito de peregrinos do Camiño de Santiago e conseguir un espazo atractivo para as e os peóns.
Para iso contémplase a construción de beirarrúas máis anchas a cada lado da vía (o que suporía tamén a eliminación de prazas de estacionamento), construción de novas rotondas e incremento da vexetación tanto na mediana como nas beirarrúas co obxecto de “transformar unha estrada perigosa, agresiva, ruidosa e abandonada nun corredor verde”.