Redes e tubaxes envellecidas, custes de reparación moi altos, elevada carga administrativa e poboación pouco implicada, son algún dos problemas cos que se atopan as Comunidades de Auga que funcionan no noso concello. Dende a Comunidade de Barcoba (Saxamonde) lembran o imprescindible que é para a supervivencia destas entidades contar co apoio das Administración. Neste días veñen de recibir unha axuda de Deputación e o Concello de Redondela vén de publicar as bases que rexerán as concesión de subvencións a estas entidades logo de anos sen convocalas.
A Comunidade de augas de Barcoba da parroquia de Saxamonde foi unha das 108 entidades da provincia beneficiada das axudas enmarcadas dentro do Plan +Aqua da Deputación de Pontevedra.
Unhas axudas económicas para realizar proxectos relacionadas coa mellora das infraestruturas e instalación de auga comunitaria ou a modernización dos seus sistemas de tratamento e eficiencia enerxética que son imprescindibles para estes colectivos que teñen que facer fronte, en moitos casos, a reparacións ou acondicionamentos de infraestruturas que supoñen un importante desembolso económico. Así o explica dende a Comunidade de augas de Saxamonde, Susana Figueroa, comunidade que contará cunha subvención para a reposición da rede de subministro da auga dende os mananciais ata os depósitos de Barcoba que da servizo a 120 vivendas (máis de 350 usuarios).
Insiste en que faltan mans para afrontar o “esforzo necesario para facer fronte á elevada carga de traballo que teñen que realizar as xuntas directivas”. Insiste tamén que faltan recursos económicos polo que é imprescindible unha maior implicación das administración.
O problema principal é o de solvencia económica ante unha rede de abastecemento moi envellecida e con moitas avarías que precisa de investimentos importantes para seren reparadas. Tamén o control de calidade da auga que supón unha loxística importantes e a carga administrativa que conlevan todos os procedementos que teñen que seguir estas entidades.
Esta mesma semana o Concello de Redondela vén de publicar as bases para a concesión de axudas ás Comunidades de Augas. Pódense consultar na súa páxina web. En concreto serán subvencionables ata 3.000 euros que sirvan para financiar sistemas de captación de auga (pozos e o seu entorno), sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración ou decantación), sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución) e elaboración de proxectos, gastos de asesoría, xestoría ou consultoría estritamente vinculadas ás obras e actuacións anteriores.
Figueroa ten palabra tamén de agradecemento para os e as usuarias “que agás algún caso illado e pouco significativo adoitan ser responsables no uso da auga”.